O choque produciuse na mañá de onte entre o turismo no que viaxaban os veciños da parroquia cun autobús escolar. O suceso tivo lugar nun cruzamento de alto risco da N-552, no alto da Encarnación. Os feridos son unha muller de 38 anos e o seu fillo de 10, veciños de San Vicente de Trasmañó.
O suceso produciuse ás 7,50 horas cando, segundo informou a Garda Civil de Tráfico, o turismo que se incorporaba á estrada nacional en dirección a Vigo e o autobús que circulaba cara Rande, chocaron frontolateralmente. As mesmas fontes indicaron que todo apunta a que o turismo se saltou o sinal de Stop. A consecuencia do impacto, a muller, M.S.B.C. e o seu fillo quedaron atrapados no coche polo que tiveron que ser excarcerados polos Bombeiros de Vigo. Os efectivos do parque central de Teis acabaron serrando as dúas portas do automóbil para poder rescatar aos dous ocupantes. A nai e o neno foron reanimados polos sanitarios da ambulancia e trasladados de urxencias ao Hospital Xeral. Pola súa banda, os 18 alumnos de Formación Profesional do Colexio Vigo, que viaxaban o autobús, resultaron ilesos, mentres que o condutor do autobús sinistrado, J.M.F., de 60 anos foi trasladado ao centro Concheiro, con feridas leves, e foi dado de alta. A peor parte levárona os dous ocupantes do turismo. O neno era ingresado na UCI pediátrica debido aos traumatismos sufridos, un deles na cabeza e o seu estado era moi grave. Pola súa banda, a nai foi examinada en Urxencias e, tras varias probas médicas, foi ingresada en Coidados Intensivos. O accidente causou gran conmoción na parroquia redondelá de San Vicente de Trasmañó, onde residen a nai e o fillo feridos. Segundo explicaban onte os veciños, é unha familia moi coñecida, e todos están pendentes do estado da nai e o neno. Os veciños confían nunha pronta recuperación, aínda que o seu estado aínda é grave.