A Biblioteca do Multiusos do Piñeiral convida a todo o público a gozar desta curiosa arte milenaria, a maxia de transformar unha simple folla de papel nunha figura. O artista de Chapela GusOrigami exporá as súas obras nunha mostra que se inaugura mañá venres. Tamén impartirá dous obradoiros os días 13 e 22 de novembro.
A exposición, que poderá visitarse ata o 23 de novembro, recolle unha selección de traballos deste artista, desde os máis sinxelos ata creacións verdadeiramente complexas. E ademais de poder contemplar estas singulares creacións, os que o desexen poderán iniciarse na arte do pregado do papel, grazas a que o artista ofrecerá dous obradoiros de iniciación á papiroflexia. María José Villar, responsable da biblioteca, salienta que a iniciativa partiu do propio GusOrigami, que se ofreceu “de xeito desinteresado” para ensinar as súas habilidades a todos os que o desexen. Os obradoiros son totalmente gratuítos e están abertos a todo tipo de público, pero é necesario inscribirse previamente na Biblioteca. Serán o martes 13 de novembro e o xoves 22 de novembro, ás 18:30 horas.