Demandan que os mariñeiros poidan contar cun chafariz co carburante subvencionado, como no porto de Cangas ou o da Coruña, os únicos que contan con este servizo. Dispoñer dunha gasolineira no peirao de Cesantes suporía para os mariñeiros un aforro superior ó 30% na gasolina.
O patrón maior, Clemente Bastos, agarda que a Xunta inclúa este servizo no proxecto de remodelación do peirao, que inclúe unha nova lonxa. Segundo os prazos comprometidos pola Consellería do Mar, as obras deberían comezar antes de final de ano, e a nova lonxa será realidade en 2013. Bastos insiste na necesidade “urxente” destas instalacións, xa que as actuais limítanse a “un garaxe”, no que os mariñeiros non poden dar saída e poñer en valor os seus produtos. É o caso do choco da enseada, que agora conta con denominación de calidade, pero que non pode comercializarse en condicións óptimas por carecer dunhas instalacións axeitadas. A nova lonxa incluirá, ademais dunha zona de poxas, outra de cámaras frigoríficas, almacén, oficinas e vestiarios para os mariñeiros e mariscadoras.