O Multiusos da Xunqueira acolle ás 20.00 horas a apertura da exposición que homenaxea ao intelectual redondelán, cando se conmemoran 75 anos do seu falecemento. A mostra recolle as principais facetas de Casto Sampedro, fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, colaborador da creación do Museo de Pontevedra e autor do Cancionero máis importante de finais do século XIX e principios do XX.
A inauguración contará coa proxección dun vídeo e a actuación musical do intérprete de zanfona Carlos do Viso. Participarán no acto o concelleiro de Cultura, Alberto Pazos, e colaboradores desta mostra como José Martínez Crespo, Amado Ricón, Carlos Valle, Carlos L. Bernárdez, Julio Alonso Monteagudo, Xavier Groba e Ángel Núñez Sobrino. A exposición estará aberta até o 15 de xaneiro e inscríbese no programa de actos conmemorativos programados polo Concello de Redondela. Casto Sampedro está considerado como unha das figuras máis importantes da cultura da súa época. A súa principal actividade investigadora centrouse ao redor do coñecemento de tradicións, historia, cultura e antropoloxía en xeral. Por este motivo, foi un dos impulsores da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e do propio Museo de Pontevedra. Avogado de profesión, a faceta política de Casto Sampedro tamén está recollida na exposición, mostrando a súa etapa como deputado provincial e presidente do ente provincial. Na montaxe da exposición, o Concello de Redondela contou coa colaboración da Deputación e o Museo de Pontevedra.