Unha auténtica “gozada”, así describe o presidente do club de balonmán de Chapela a xornada vivida esta fin de semana, na que presentaron oficialmente aos seus 13 equipos. Ademais o conxunto de máxima categoría, o Solla&Cía Chapela, gañou ó Lalín por 36-31, o que os mantén nos postos de cabeza da Primeira Nacional.
No medio dunha gran expectación e nun pavillón ateigado de público, o club de balonmán de Chapela presentou ós seus trece equipos de todas as categorías. En total máis de 250 xogadores e medio cento de persoas máis do corpo técnico. E fixérono nunhas instalacións recentemente renovadas, aínda que están pendentes aínda de que se rematen os traballos no ximnasio, ademais doutros “detalles”, segundo explica o presidente Manuel González Soto. O presidente salientou non só a boa marcha do club, actual campión da Primeira Nacional, senón tamén “a labor social da entidade” na parroquia de Chapela. Para Soto o traballo cos máis novos é fundamental, por iso o club conta con equipos de todas as categorías e está aberto á participación “de todos os nenos e nenas que queiran practicar balonmán”. Este ano tamén se encargan de organizar as Escolas Deportivas da Deputación de Pontevedra, que levan a cabo en varios colexios do municipio e no barrio de Teis, e que reúnen a uns 250 rapaces. A festa pechouse “da mellor maneira posible”, co triunfo do Solla&Cía Chapela sobre o Lalín por 36-31, unha vitoria que os deixa na segunda praza do grupo, a tan só un punto do líder, o Zamora. A próxima fin de semana terán que facer un longo desprazamento, xa que xogan no pavillón do Ademar León.