Rosario Alonso, ata agora administrativa do pósito redondelán, é a súa nova secretaria, logo de aceptar a proposta da Xunta Xeral da Confraría. O anterior secretario, Anxo Lusquiños, cesou no seu posto a pasada semana, logo de oito anos no cargo, ao perder a confianza da xunta directiva da confraría.
Para aceptar o cargo, logo da proposta da Xunta Xeral, Alonso esixiu como condición que se mantiveran todos os postos de traballo, e rexeitou a aplicación de Expedientes de Regulación de Emprego ou despidos. Para a nova secretaria agora o fundamental é analizar os orzamentos do pósito e reducir o gasto “para garantir a súa supervivencia”. Tamén buscan explorar novas alternativas empresariais, e potenciar o marisqueo e marca de calidade do choco de Redondela. A confraría de Redondela é unha das máis importantes da ría de Vigo, posto que conta con 250 socios aos que se informará nunha asemblea dos cambios que haberá na xestión do pósito.