Hoxe é Luns 25 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Concello volve sacar a concurso a piscina de Chapela e reduce a adxudicación a catro anos

RR_Noticias

O novo prego de condicións inclúe unha achega municipal de ata 120.000 euros ó ano para os gastos de luz, auga e biomasa das instalacións. A proposta foi aprobada onte nun pleno extraordinario cos votos do PP e o PSOE, o BNG abstívose e AER votou en contra, xa que defenden unha xestión pública das instalación a través dunha fundación ou cooperativa na que participe o Concello.

Logo de que a convocatoria quedara deserta nas dúas convocatorias anteriores, o goberno local volverá sacar as instalacións a concurso cun prego de condicións “máis favorable”, segundo explicaba o voceiro popular Alberto Pazos. Deste xeito, e tendo en conta “a difícil situación económica actual”, o Concello fai un esforzo para que algunha empresa se interese por facerse coa xestión, e reduce o prazo de concesión a 4 anos, prorrogables outros catro. Pazos destacou tamén a “vontade de consenso” do goberno local na elaboración do novo prego. A iniciativa contou co voto a favor do PP e o apoio do PSOE. O edil Eduardo Reguera, aínda que cuestionou a demora por parte do goberno local, entende que é importante ofrecer este servizo ós veciños de Chapela “canto antes”. O BNG abstívose, Cecilia Pérez Orge explicou que “non era o texto que eles redactarían”, pero recoñeceu que debido á situación de crise e aos cambios lexislativos, é “inviable” que a xestión sexa pública. Con todo, sinalou que reducir o prazo a catro anos é positivo, xa que se a situación económica se recupera, pode estudarse logo outro tipo de xestión. A Agrupación de Electores (AER) votou en contra. O concelleiro Jorge Varela apostou por unha xestión pública do centro, a través dunha fundación ou unha cooperativa, e criticou que unha empresa privada vaia facerse cargo da piscina mentres o Concello asume os gastos do seguro e subvenciona con ata 120.000 euros ó ano os gastos de enerxía, auga e biomasa. A aprobación das condicións para a concesión da piscina de Chapela permitirá dar un novo impulso a este centro acuático que debería estar xa en funcionamento e que supuxo un investimento de cinco millóns de euros, deles 2,9 millóns financiados con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local. Esta é a terceira vez que se aproban os pregos de condicións. Nos primeiros, esixíase á concesionaria que se fixese cargo da instalación por un período de corenta anos e asumir un investimento próximo aos dous millóns de euros para construír un ‘spa’, a cafetaría, a maquinaria do ximnasio e a urbanización do espazo que ocupaba o club de remo. O concurso quedou deserto. O segundo prego renunciaba a gran parte daquelas condicións, pero non se logrou ningún concesionario.  

Alberto Pazos PP
O novo prego reduce o prazo de concesión debido á situación de incerteza económica.
Eduardo Reguera PSOE
Os socialistas defenden que o máis importante é abrir a piscina ó público canto antes.
Cecilia Pérez Orge BNG
O Bloque recoñece que debido ós cambios da normativa é inviable que a xestión da piscina sexa pública.
Jorge Varela AER
AER denuncia que o Concello subvencione con ata 120.000 euros a unha empresa privada para que xestione o servizo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará