O mestre de música Julio Alonso ofrece esta tarde unha charla no Centro Cultural de Cesantes para dar a coñecer a figura deste intelectual redondelán. Os actos, dentro do ano de Casto Sampedro, continúan mañá no Multiusos da Xunqueira cunha mesa redonde. O obxectivo é dar a coñecer o importante legado deste musicólogo e investigador.
A exposición que pode verse no Multiusos da Xunqueira ata o mes de xaneiro recolle as principais facetas de Casto Sampedro, fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, colaborador da creación do Museo de Pontevedra e autor do Cancionero máis importante de finais do século XIX e principios do XX. Sobre a súa faceta como músico e investigador falará hoxe en Cesantes Julio Alonso, ás 20.30 horas, xa que Sampedro non só foi intérprete, senón tamén un dos máis importantes musicólogos da súa época. Os actos continuarán mañá cunha mesa redonda no Multiusos na que tamén intervirán José Martínez Crespo, Amado Ricón, Carlos L. Bernárdez e Luis Costa. O obxectivo é dar a coñecer á sociedade todas as facetas deste importante intelectual redondelán, cuxa principal actividade investigadora se centrou no coñecemento de tradicións, historia, cultura e antropoloxía en xeral. O feito de ser un home “reacio a editar os seus traballos e facer aparicións públicas” é un dos motivos de que o seu legado sexa aínda en gran parte descoñecido. Parte do seu legado foi recollido na obra “Casto Sampedro e a música do Cantigueiro Galego de tradición oral”, de Xavier Groba, que será presentado en Redondela o próximo 1 de decembro.