O grupo nacionalista vén de presentar as súas emendas aos Orzamentos Xerais do Estado na que se inclúen dúas que afecta directamente ao concello de Redondela. O BNG considera que estas demandasn son “históricas”, logo de ser reiteradas en numerosas ocasións, para unha maior seguridade dos veciños e o tráfico.
O BNG pide que se habilite unha partida para a construción dunha rotonda na intersección de N-550 coa estrada provincial en Os Valos, “lugar de grande perigosidade para o tráfico”, polo que consideran esta obra “de necesidade urxente”, tendo en conta, segundo sinala a formación política, que esta mesma reclamación xa a fixeron en anos anteriores sen que o goberno de Madrid a tivese en conta. A outra emenda presentada fai referencia a Autoestrada do Atlántico no tramo Rande -Vigo, para a cal os nacionalistas piden a súa conversión en vía urbana, o que faría moito máis sinxelo, ao seu entender, acadar a gratuidade da peaxe de Rande, xa que se darían todas as condicións para que así sexa. O BNG tamén insta ao alcalde de Redondela, Javier Bas, a abandonar a propaganda e a demagoxia ás que está habituado e facer un esforzo, contactando co suposto “goberno amigo” de Madrid e esixindo que estas emendas sexan tidas en conta nos orzamentos que están a piques de ser aprobados.