A concelleira de Economía e Facenda, Ana Alonso, salienta “o esforzo do goberno local na contención do gasto”, que permitiu pechar o exercicio cun remanente positivo de Tesourería de 161.000 euros.
As contas do pasado exercicio recibiron o apoio de todos os grupos da corporación nun pleno extraordinario celebrado esta mañá no Concello de Redondela. Para Alonso o máis importante é que se conseguiu que os resultados orzamentarios, tanto antes como despois dos axustes, son positivos. A concelleira popular salienta que cando chegaron ó goberno, en xuño do pasado ano, moitas partidas orzamentarias xa estaban esgotadas por riba do 60%. Isto obrigou ó goberno de Javier Bas a facer “axustes no gasto” para afrontar o resto do exercicio. Para a responsable local de Economía e Facenda o máis importante é que conseguiron que os ingresos foran suficientes “para cubrir os gastos”, co que as arcas municipais experimentaron “un aforro positivo”. O remanente de Tesourería de 2011 é positivo en 161.000 euros, cando o exercicio anterior fora de -280.000 euros, o que implica que o Concello tivo que aforrar máis de 440.000 para compensalo.