As viaxes están organizadas pola empresa Marisma Events, en colaboración con Renfe e a navieira Nabia. Os alumnos, de Primaria e Secundaria, terán a ocasión de facer actividades de ocio na illa, coñecer os polígonos de bateas da enseada e tamén o escenario da Batalla de Rande.
O programa foi presentado onte no Concello de Redondela, e está incluído nas viaxes escolares que ofrece Renfe por toda Galicia. Os alumnos chegarán á vila en tren, e logo serán trasladados en barco ata a illa. Desde a empresa Marisma Events agardan que uns 5.000 escolares de toda a comunidade visiten a illa dentro deste programa, o que permitirá “desestacionalizar” as visitas a este enclave turístico. O concelleiro de Cultura de Redondela, Alberto Pazos, destacou a importancia desta iniciativa, que permitirá ós rapaces coñecer “o patrimonio natural, histórico e cultural da zona”. A concelleira de Educación, Teresa París, salientou que esta iniciativa ven a completar a oferta do pasado curso, e ofrece interesantes actividades de convivencia para os escolares. A visita á illa terá unha duración de catro horas, nas que os alumnos farán actividades de ocio e educativas, organizadas por Plus Sports. A excursión tamén inclúe un percorrido en barco dunha hora pola ría que terá unha parada no estreito de Rande, onde os rapaces poderán coñecer máis datos da histórica batalla naval. O barco tamén percorrerá os polígonos de bateas da ría, onde os escolares poderán coñecer como se cultiva o mexillón. Tamén se estuda ampliar a iniciativa ao Centro de Interpretación da Batalla de Rande cando entre en funcionamento, previsto para a próxima primavera.