A moción presentada polo BNG foi aprobada por unanimidade, deste xeito o goberno local comprométese a celebrar unha nova reunión cos veciños do barrio da Portela, afectados pola instalación dun transformador de media tensión. Na xuntanza participarán tamén representantes de Fenosa e dos partidos políticos da corporación.
A nacionalista Cecilia Pérez Orge defendeu a moción explicando que son varias as parroquias de Redondela afectadas polas liñas de media e alta tensión que a empresa Unión Fenosa veu instalando ao longo dos anos, e que non numerosos os estudos elaborados sobre os posibles efectos negativos na saúde pública. No caso concreto da Portela, sinala que son varios os transformadores e liñas de media e alta tensión na zona, polo que esta última instalación é “a gota que colma o vaso”. Todos os grupos apoiaron a moción, e desde AER Jorge Varela pediu que a xuntanza que se celebre non sexa “un paripé” como as anteriores, senón que se busque unha solución alternativa para os veciños. Tamén o PSOE entende que o Concello debe amosar unha imaxe “de total apoio ós veciños” diante de Fenosa. Luis Orge lamentou que a mobilización social vaia “por diante” da actuación dos políticos. O PP explicou que se poderá “negociar” con Fenosa, pero que a instalación cumpriu xa con todos os trámites legais. Alberto Pazos lembrou tamén que con moitas as instalacións deste tipo que existen en Cedeira e noutras parroquias, e que o anterior goberno “non fixo nada por impedilas”. No pleno estaban presentes tamén moitos veciños do barrio, afectados polo novo transformador, para deixar constancia do seu total rexeitamento a esta instalación nunha zona próxima ás vivendas e un parque infantil.