O colectivo Senghasoil organiza unha feira de Nadal mañá xoves, de 16.00 a 20.00 horas, nos soportais do Concello de Redondela. A iniciativa consistirá nun mercado de intercambio de obxectos de segunda man (roupa, libros, xoguetes…). Tamén se repartirá chocolate quente entre os participantes.
A iniciativa, prevista para o pasado 14 de decembro tivera que suspenderse por mor do temporal. Mañá está previsto que se realice, e para iso animan a participar “a todo o mundo”. Anabea Rodríguez, do colectivo Senghasoil, explica que se trata dunha “boa alternativa ao consumismo”, para que todo aquel que o desexe poida ceder obxectos que xa non utiliza, como xoguetes, libros ou roupa, e cedelos a outras persoas que poden darlle utilidade. Tamén poden trocalo por outros obxectos cedidos por outras persoas. Un mercado “solidario” neste caso, co que Senghasoil quere fomentar que a sociedade “comparta” e viva estas festas dun xeito “máis humano”. Nunha época na que o desemprego e a crise están a facer que moitas familias “o pasen mal”, a feira quere servir tamén para que “ningún neno quede sen un xoguete” nestas festas. Trala xornada, todos os obxectos sobrantes serán doados a asociacións sen ánimo de lucro.