Milleiros de persoas ateigaron o sábado as rúas do centro da vila para ver ás Súas Maxestades de Oriente. Os paxes reais e os nenos que acompañaban a comitiva obsequiaron aos redondelanos con 2.000 quilos de caramelos que se repartiron durante todo o percorrido, que se iniciou na Praza de Ponteareas e atravesou lentamente o centro urbano até o Campo da Feira. Ao desfile non falataron os motoristas do Custom Motoclub nin a Coca Simona.
As tres carrozas reais abriulles paso outra carroza, decorada polas bibliotecas municipais, que contaba cun gran libro no que se representaba a unha Coca Simona moi lectora, e tamén os paxes reais repartiron marcapáxinas das bibliotecas redondelás. Os Magos de Oriente tamén estiveron acompañados por un grupo de percusión que amenizaba a comitiva. Outra das novidades deste ano foi que os nenos que o desexaron tiveron a oportunidade de saudar ás súas Maxestades ao rematar a cabalgata na Casa Consistorial. Alí Melchor, Gaspar e Baltasar foron recibidos polo alcalde, Javier Bas, e a continuación atenderon persoalmente todas as peticións dos pequenos que se achegaron para coñecelos e fotografarse con eles. Os Magos de Oriente tamén estiveron en Chapela onde estiveron a primeira hora da tarde percorrendo a pé un tramo da Avenida de Redondela e foron recibidos no Centro Cultural de Cidadelle. Máis tarde desprazáronse até o Alto da Encarnación para subir ás súas carrozas. Desde este punto partiu a cabalgata que percorreu a Avenida de Vigo até a zona de Catro Pontes e regreso até a sede do Círculo Cultural e Recreativo de Chapela, onde recibiron a todos os nenos da parroquia.
Rondallas e Ranchos de Reis
A xornadas festiva de Reis viviuse en Redondela onte domingo cunha gran feira, a máis importante do ano. Moitos aproveitaron o día de festa para achegarse á vila e gozar tamén da animación das Rondallas e Ranchos de Reis, que encheron de música a alameda e as rúas da vila.