A Asociación de Empresarios de Redondela entregará os vales de compra aos gañadores da campaña “Mercar en Redondela ten premio” nunha festa presentada polo imitador Maxi Adega nunha velada chea de sorpresas. A cita é mañá venres ás 20.30 horas no Multiusos da Xunqueira.
Un ano máis o comercio de Redondela convida aos veciños a unha festa para pechar unha campaña de Nadal que estivo cargada de actividades, animación e premios. Julia Alonso, da Asociación de Empresarios, destaca a boa acollida das iniciativas organizadas polos comerciantes e o Concello, coa Carpa de Nadal, teatro, animación de rúa e concertos. Na campaña de premios rexistráronse entre o 6 de decembro e ata o 6 de xaneiro 15.000 participantes, dos que 35 recibiron como premio directo un vale de compra cuxo importe coñecerán na gala de mañá. Ademais entre todos os boletos non premiados sortearase “un gran premio final”. Na gala tamén se entregarán os premios do Concurso de Escaparates e Decoración de Nadal, co que a Asociación quere sensibilizar ao sector comercial da importancia que o escaparate ten como instrumento de promoción e o emprego das técnicas de “merchandising” no punto de venda. Maxi Adega, presentador da gala, cun gran talento para imitar voces, logrará que famosos e políticos se paseen polo escenario do Multiusos da Xunqueira, o que garante unha gala chea de humor e sorpresas. O porriñés é capaz de imitar coa súa voz a todo un repertorio de personalidades públicas e ofrecerá moitas sorpresas.