Esta tarde celébrase unha charla sobre a vida e a obra do intelectual redondelán a cargo de Julio Alonso. Será na Asociación de Veciños de Cabeiro ás 20.00. Mañá sábado, no Multiusos da Xunqueira terá lugar a clausura do Ano Casto Sampedro a partires das 19.30 horas, no que intervirán tamén Carlos Valle, Ángel Núñez, Amado Ricón e Xavier Groba.
Desde o pasado mes de novembro realizáronse actos de homenaxe, charlas e concertos sobre a obra de Sampedro ao cumprirse 75 anos do seu pasamento. Unhas xornadas que, segundo explica Julio Alonso, serviron para dar a coñecer ó gran público a vida e a obra deste ilustre redondelán. Sampedro foi un dos intelectuais galegos máis destacados da súa época. Avogado de profesión, investigou nos eidos da música, a historia, a etnografía e a arqueoloxía, foi membro fundador da Real Academia Galega e do Museo de Pontevedra, así como da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. A través das charlas impartidas nestas últimas semanas moitos redondeláns puideron coñecer parte do seu legado, e amosáronse “sorprendidos” por todo o traballo feito por Sampedro en diferentes campos da cultura. Para Alonso Monteagudo este é “un primeiro paso” para dar a coñecer a este importante persoeiro de Redondela, pero sinala que aínda “queda moito por facer”. Agarda tamén que actividades como este ano de homenaxe a Casto Sampedro teñan continuidade no futuro, e que este 2013 se destine a homenaxear a outro redondelán ilustre. O acto que pechará a homenaxe será mañá sábado, no Multiusos da Xunqueira, ás 19.30 horas, e rematará cun concerto da Orquestra de Saxos de Redondela que interpretará temas do Cancioneiro recollido por Sampedro.