Dende este xoves, 17 de xaneiro, e durante todo o mes os veciños do Casco Vello de Redondela poderán recoller a tarxeta de residentes no Concello que lles permitirá circular e estacionar os seus vehículos nos espazos habilitados para este fin nesta zona da vila. Ademais xa se abriu ó tráfico a conexión da rúa Prata coa praza da Constitución.
O Concello pon a disposición dos veciños das rúas Prata, José Regojo, Reveriano Soutullo, Figueiral, Padre Crespo, Isidoro Queimaliños, Loureiro, Meixón Frío, Do Muiño, Espirito Santo, Esfarrapada e Adro, as tarxetas de residente que lles permitirán aparcar os seus coches nas zonas permitidas destas rúas. A tarxeta identificativa pódese recoller dente este xoves, 17 de xaneiro, e durante todo o mes, no Departamento de Interior e deberán levarse no interior do vehículo. Esta medida enmárcase dentro da última fase do plan de tráfico posto en marcha polo Concelleiro de Interior, Arturo González, no Casco Vello de Redondela, que dende o pasado verán prohibe o tráfico rodado e aparcamento na zona aos non residentes. O obxectivo desta plan de ordenación do tráfico, segundo recoñecía o edil no seu momento, é “mellorar a seguridade viaria na zona e a calidade de vida dos veciños do Casco Vello”. Por outra banda xa se abriu ó tráfico a conexión da rúa Prata coa praza da Constitución, polo que o concelleiro pide “a colaboración” dos veciños e establecementos da zona para unha boa convivencia entre peóns e vehículos.