Este mes de xaneiro abriron o prazo para recibir os traballos dos grupos musicais, e xa recibiron as primeiras maquetas. Aitor Soto, un dos organizadores, agarda superar os 35 participantes da edición anterior e anima a participar a conxuntos de todos os estilos musicais de Galicia e Portugal.
Desde o estilo pop ao indie, pasando polo rock ou o hip-hop. Todos teñen cabida no concurso de Millo Verde, que ten aberto o prazo de recepción de maquetas ata o 1 de marzo. O requisito é non ter ningún disco editado. No caso de que autoeditasen algún traballo poden participar, sempre que non teñan asinado ningún contrato discográfico. Os grupos deberán enviar tres cancións, de calquera estilo, pero de composición propia, en formato mp3 e acompañadas dunha breve biografía. De todos os traballos que se presenten a organización seleccionará un mínimo de tres finalistas. Os elixidos participarán nunha festa concerto o 19 de abril, onde se decidirá o gañador do concurso a través dos votos dos asistentes ao evento. Aitor Soto lembra que para votar é imprescindible ter visto todas as actuacións, aínda que de estar seleccionado algún grupo da comarca “os da casa sempre parten con vantaxe”. O gañador formará parte do cartel do Millo Verde que se celebra os días 7 e 8 de xuño, ademais dun premio en metálico de 300 euros. Os finalistas daranse a coñecer no blog milloverde.blogaliza.org.