Consternación no mundo do deporte pola repentina morte do técnico, que faleceu onte na súa casa de Chapela aos 53 anos de idade. Esta tarde será soterrado no cemiterio da parroquia logo dos funerais que se celebrarán na igrexa de San Fausto, en Chapela.
O Balonmán Chapela acaba de perder a un dos seus máis fieis colaboradores. Adestrador do equipo absoluto feminino desde o ano 2001, Méndez recibira a insignia de ouro do club. A súa traxectoria deportiva está chea de grandes éxitos coa consecución de nove títulos do Campionato Galego na categoría senior e sete de Copa, o que converteu ó club de Chapela nun dos referentes do balonmán feminino na nosa comunidade. Todo o balonmán galego chora a súa perda, xa que sempre estivo unido a este deporte, primeiro como xogador e desde moi novo como adestrador. Equipos como o Chouzo, Sárdoma ou Octavio tamén contaron con el nalgunha etapa. Pero o seu traballo no balonmán non se limitaba á pista, xa que tamén supuxo un referente deste deporte pola súa colaboración nos medios de comunicación como cronista. Esta tarde a súa familia, o mundo do balonmán e amigos despedirano. A comitiva fúnebre partirá ás 16.30 horas desde o tanatorio Vigomemorial ata a igrexa parroquial de San Fausto, en Chapela, onde se celebrarán os funerais.
Homenaxe da Federación Galega de Balonmán
A xunta directiva da Federación Galega de Balonmán decidiu que o Premio Anual que concede a un medio de comunicación pola súa labor divulgativa do balonmán recibirá o nome “Premio Gerardo Méndez”. O acordo foi tomado de maneira urxente logo de coñecer o seu repentino falecemento como recoñecemento ó seu labor a prol deste deporte.