O edil de Cultura, Patrimonio e Turismo ocupará a vacante de Nava Castro, que ven de ser nomeada directora xeral de Turismo. Agora será o PP de Redondela o que decida se Pazos Couñago mantén ou non as súas responsabilidades como concelleiro e portavoz do grupo municipal.
Alberto Pazos renunciara ó seu cargo de deputado provincial para concorrer ás pasadas eleccións autonómicas no número 13 das listas do PP por Pontevedra. Os resultados nos comicios do pasado mes de outubro, onde os populares acadaron 11 representantes por esta provincia, non lle permitían acceder ó Hórreo directamente, pero si logo de que o presidente Núñez Feijóo designase ó seu goberno. O nomeamento de Nava Castro como directora xeral de Turismo deixa a porta aberta para que o concelleiro redondelán ocupe o seu escano. Esta posibilidade, que se barallaba desde o pasado mes de outubro, non impediría que Pazos continuase coas súas responsabilidades municipais. De feito, el mesmo manifestara en declaracións a Radio Redondela que a súa intención era seguir como edil polo compromiso adquirido “co alcalde, co equipo de goberno e cos veciños”. Con todo será o PP de Redondela o que tome esa decisión. Pazos Couñago amósase “ilusionado” con esta nova etapa na súa carreira política e “agradecido” por poder representar os intereses de Redondela e toda a área metropolitana no Parlamento Galego.