O Consello Local de Esquerda Unida en Redondela presentará no pleno unha moción para que toda a corporación municipal se dirixa ó Ministerio de Fomento para que instalen estas barreiras que reducen o ruído e acabar así “cos trastornos que xera sobre a poboación a autoestrada”.
EU denuncia que desde a construción da AP-9 os residentes de Chapela veñen padecendo a contaminación acústica que xera a autoestrada, “ao incumprirse sistematicamente a Directiva do parlamento Europeo e do Consello da unión Europea”, de 25 de Xuño de 2002 (LCEur 2002/1983). Ademais segundo a formación tamén incumpre o artigo 45 da Constitución Española, no que se recolle o dereito “a gozar dun medio ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa”. De maneira reiterada nos últimos anos tanto os residentes de Chapela como as distintas asociacións veciñais e sociais da parroquia veñen solicitando do Ministerio de Fomento a colocación de barreiras acústicas que reduzan o impacto da AP-9. Según os especialistas, o ruído provoca dende danos psicolóxicos (trastornos do sono, nervios, tensión, ansiedade ou agresividade) ata fisiolóxicos (cefaleas, perda da capacidade auditiva, aumento da tensión arterial e problemas cardiovasculares). Como ata a data o Ministerio de Fomento non atendeu as peticións veciñais, EU solicitará a través desta moción que o conxunto da corporación acorde dirixirse ao departamento que dirixe Ana Pastor para solicitar que se coloquen pantallas acústicas ao longo do traxecto da AP-9 por Chapela. Desde EU lembran que España e o único país da Unión Europea que foi condenado en dúas ocasións polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) por violar o artigo 8.1 do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos, o Convenio de Roma (CEDH), que protexe a intimidade domiciliaria, a causa de ruídos excesivos.