Segundo fontes policiais o matrimonio pertencería a unha organización criminal dedicada á introdución en España de mulleres procedentes de Romanía que logo explotaban sexualmente nun club de alterne que rexentan en Vigo. A filla da parella era a encargada de captar ás mulleres neste país para exercer a prostitución no seu local.
Axentes da Policía Nacional de Vigo e membros da Comisaría Xeral de Estranxeiría e Fronteiras detiveron a tres persoas, un home de nacionalidade romanesa e un matrimonio de Redondela, un home de nacionalidade española e unha muller romana, como presuntos autores de varios delitos relativos á trata de seres humanos con fins de explotación sexual, á prostitución, pertenza a unha organización criminal e contra os dereitos dos traballadores.
As detencións producíronse logo de varios rexistros realizados o pasado 29 de xaneiro nun club de alterne dirixido polo matrimonio, sito na rúa Cruz Verde de Vigo na zona da Ferrería, a súa vivenda en Redondela e un piso onde se aloxaban as mulleres que explotaban no local.
A investigación comezou o 10 de outubro de 2012, cando funcionarios da Brigada de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría de Vigo realizaron un control neste local ao ter coñecemento de que unha das mulleres que alí traballaba podía estar sendo coaccionada polos propietarios do club. Os axentes procederon a realizar un seguimento e control ás persoas que alí traballaban e comprobaron que o matrimonio de Redondela exercía “un férreo control sobre a documentación e movementos dunha das traballadoras do local, a cal ao final da xornada marchaba cos donos ao seu domicilio particular”. A muller fora vendida polo seu mozo, un cidadán romanés que retornara ao seu pais, entregándolle a carta de identidade da vítima.
Na trama tamén está implicada a filla do matrimonio, encargada de captar mulleres en Romanía para exercer a prostitución no local. Adiantábanlles o diñeiro para pagar a viaxe e os gastos dende o seu país de orixe até España. Cartos que as vítimas tiñan que devolver posteriormente triplicando a cantidade inicial.
En total foron tres as persoas detidas, que xa pasaron a disposición do Xulgado de Instrución Número tres de Vigo. Hai outras tres persoas imputadas, que se dedicarían á aptación das mulleres no seu país de orixe. Na actualidade non se atopan en España polo que se está estudando a posibilidade de emitir unha orde internacional de detención contra estas persoas.