A proposta do goberno popular, que foi aprobada co apoio do PSOE, pretende conciliar os intereses dos hostaleiros cos dos viandantes e veciños. A normativa establece que a beirarrúa debe ter un ancho mínimo de 2,5 metros para poder instalar mesas, e que debe quedar libre de obstáculos un mínimo de 1,2 metros para os peóns Tamén se modificou a taxa que os establecementos deben pagar polas terrazas.
O salón de plenos do Concello de Redondela celebrou na noite de onte unha longa sesión plenaria, que se prolongou ata a media noite, e na que quedaron pendentes de debate varias mocións dos grupos da oposición, comparecencias, rogos e preguntas. Entre os temas da orde do día que si se debateron e aprobaron está a nova ordenanza que regulará a instalación de terrazas na vía pública. O concelleiro de Interior, Arturo González, explicou que existía a “necesidade imperiosa” de crear esta ordenanza para evitar que as instalación hostaleiras proliferasen sen ningún tipo de regulación. González explicou que a norma tenta “conciliar os intereses dos hostaleiros, clientes, viandantes e veciños” e para iso o goberno local consultou coa asociación de empresarios e colectivos veciñais. Tanto AER como o BNG, que votaron en contra, manifestaron a necesidade de establecer unha ordenanza pero rexeitaron a presentada polo concelleiro. O edil Jorge Varela dixo descoñecer se a norma contaba co apoio dos veciños e empresarios, e dubidou de que o Concello a vaia a aplicar “polo custe político” que tería para o goberno popular. Na mesma liña se manifestou Xoán Carlos González desde o BNG, que aposta por unha ordenanza “consensuada” con todas as partes. O edil socialista Eduardo Reguera xustificou o apoio do seu grupo á normativa por entender que se trata dun regulamente “necesario” e que ademais incorporou propostas feitas polo PSOE como a “uniformidade nas cores” das terrazas. Para poder instalar unha terraza o ancho mínimo da rúa para será de 2,5 metros, e deberase deixar un espazo mínimo de 1,2 metros libre de obstáculos para o paso de peóns. Nas rúas de 5,50 metros ou máis permitirase unha dobre fileira de mesas, sempre que se deixe un espazo mínimo de 1,40 para os viandantes. O espazo máximo que poderá ocupar a terraza determinarase en función dos metros lineais de fachada do local e a súa superficie interior. Novas taxas A concelleira de Facenda, Ana Alonso, presentou tamén as novas taxas que os hostaleiros deberán abonar pola ocupación do espazo público, que foron aprobadas co apoio de todos os grupos agás o BNG, xustificando o seu voto por estar relacionado coa ordenanza que regula as propias terrazas. A nova ordenanza diferencia dentro da vía pública urbana dúas categorías de rúas : de 1ª , que son as que ocupan as principais prazas e rúas do núcleo urbano, e de 2ª, que engloba o resto de rúas do núcleo urbano, sobre as que se aplica respecto das anteriores unha rebaixa do 20% na taxa diaria. A redución neste tipo de rúas que agora pasan a ser de 2ª categoría, con respecto á ordenanza aprobada no 2008 reduce a taxa semestral até nun 52% e a anual nun 68%. Modifícanse ademais os períodos de pago e en lugar de ser diario e trimestral, pásase a diario (mínimo 7 días até un 179), semestral e anual. A tarifa semestral supón unha redución do 40% sobre a taxa diaria e permitirá un aforro para o empresario ao mesmo tempo que facilita ao Concello o control e verificar o cumprimento da normativa. A tarifa anual supón unha redución maior con respecto á taxa diaria, que chega até o 60% e que persegue regularizar precisamente aquelas terrazas que están abertas durante todo o ano.