O compromiso foi feito polo propio presidente, Rafael Louzán, nunha xuntanza con mariscadoras de Arcade, afectadas pola mortalidade dos bancos de ameixa e berberecho no seu banco o pasado Nadal. O problema afectou tamén a outras zonas da provincia, como os lombos do Ulla ou Baiona.
A Cofradía de Arcade está composta por 91 mariscadoras das que a metade residen nas parroquias pontevedresas de Ponte Sampaio e A Canicouva. Segundo explicou o alcalde, Agustín Reguera, que acompañou ás marisqueiras na súa xuntanza con Louzán “é a principal empresa de Soutomaior, pois non hai ningunha que ocupe directamente a 50 persoas”. Nas pasadas festas de Nadal, por mor do temporal, as mariscadoras sufriron un aumento da concentración de auga doce no seu banco marisqueiro que provocou a morte dos bancos de ameixa e berberecho. A Consellería pechou a súa zona de traballo, cun paro biolóxico de 4 meses, para que se rexeneren os exemplares. Por iso as traballadoras pasan por unha delicada situación.