A presidenta do colectivo, Ángeles Méndez, amósase “esperanzada” logo das mostras de apoio dos partidos políticos e asociación. Agora agarda que o Ministerio de Fomento “escoite” o rexeitamento unánime á ampliación da AP-9 ao seu paso por Chapela e dea marcha atrás a un proxecto que é unha “aberración” para a parroquia, ademais de resultar “inútil” para resolver os problemas de tráfico nos accesos a Vigo.
Desde a Asociación de Veciños piden agora que as “boas palabras” dos partidos políticos manifestadas no pleno do pasado luns se transformen en “feitos”. Méndez confía en que na manifestación do día 2 de marzo todos se poñan detrás da pancarta “en primeira fila”, para defender os intereses dos veciños. Para a presidenta o máis importante é demostrar ó Ministerio de Fomento que neste asunto están “todos unidos”. Insiste Méndez unha vez máis en que a autoestrada supón un grave prexuízo para a parroquia, que non se ve recompensada de ningunha maneira. Unha vez máis esixen a Audasa, a empresa concesionaria, a cumprir coa normativa e correxir eses defectos coa construción dun falso túnel, o que suporía “soterrar” a vía onde sexa posible. Tamén demandan outras contrapartidas que consideran “de xustiza”, como a gratuidade do tramo entre Vigo e Rande e a habilitación dunha saída da AP-9 a altura das Torres de García Padín.