O até o de agora concelleiro de Cultura abandona os seus cargos no goberno local “con mágoa” para cumprir “coas novas obrigas no Parlamento Galego”. Pazos, que se incorporou ó seu escano no Hórreo recentemente será substituído “nuns días” por Julio Alonso, do que Pazos destaca a súa “tremenda capacidade”.
A saída de Pazos Couñago non significará un afastamento total da política municipal, xa que agarda “seguir colaborando” co goberno local de Redondela desde as súas responsabilidades no Parlamento Galego. Logo de case 20 meses como edil de Cultura, Turismo e Patrimonio, o seu traballo non estivo exento de polémica. Recentemente a Plataforma pola Defensa da Cultura de Redondela volvía esixir unha xuntanza co alcalde, Javier Bas, e co propio Pazos para avanzar na elaboración dunhas bases para a distribución de axudas e subvencións aos diferentes colectivos sociais e culturais do municipio. O concelleiro resta importancia a esa polémica e confía en darlle unha solución a esa demanda. Pazos afirma que a redacción desas bases “está moi avanzada” e que se lle darán a coñecer a todas as asociacións e Centros Culturais para tentar chegar “ao maior consenso posible” antes de levalas ó pleno da corporación.