O sábado talleres para os máis pequenos con globoflexia e maquillaxe e o domingo un gran desfile centran o Entroido redondelán desta fin de semana. O martes haberá concertos, disfraces na rúa e a queima do Meco.
As actividades da programación do Concello comezan mañá sábado, ás 17:30 horas, con talleres infantís onde os nenos aprenderán a realizar máscaras e técnicas de maquillaxe, e tamén gozarán creando figuras con globos mediante técnicas de globoflexia. O domingo celebrarase o tradicional desfile de comparsas a partir das 18:00 horas, que terá o seu punto de reunión e saída no Campo da Feira, para percorrer despois as principais rúas do concello. Alberto Pazos, concelleiro de Cultura, salienta que este ano son 18 as agrupacións que participan no Entroido redondelán, 15 delas no concurso (Cor Café, Os Miúdos, Moreira a Tope, Atlántida de Matamá, Marchosas de Arcade, Airiños da Peneda, Volven os de Sempre, Os Euros de Castrelos, Porcos sen Fondos, Ampa Benevivere, O Galiñeiro Festeiro, Veira do Río, Anpa Cantajuegos, O Tebeo e Pirata Malapata). Outras tres participan fóra de concurso, son a tradicional O Tío Emilio e A Comparsita e As Gheisas do Muro. O martes, 12 de febreiro, haberá unha actuación especial para o público infantil, ás 17:30 h, na Praza da Constitución, a cargo do grupo infantil “Las Pamisuki”, e a esa mesma hora o grupo Percusión Aperta, percorrerá coa súa música as rúas da vila, dando inicio ao desfile de disfraces. Ás 18:00 h comezará a actuación da orquestra Ismael, e como colofón ás celebracións do Entroido haberá unha festa, a partir das 20:30 h, na que se levará a cabo a Queima do Meco.