Redondela vive hoxe o día máis especial do “entroido choqueiro”, co concurso de disfraces individuais, de parellas e grupos. O Concello agarda que o tempo permita gozar da festa con animación de grupos de música na rúa. A chuvia xa obrigou a aprazar o desfile de comparsas do pasado domingo, que finalmente se celebrará o próximo domingo, día 17, ás 18.00 horas.
Redondela vive hoxe o seu día grande cun Martes de Entroido que adoita ser moi participativo. Hoxe son os propios veciños os protagonistas, con grupos e “peñas” de todas as idades que saen á rúa a vivir unha xornada de festa xa desde media mañá. Segundo explicou o edil de Cultura, Alberto Pazos, o Concello encargarase de poñer música para a animación dos grupos. Haberá unha actuación especial para o público infantil, ás 17:30 horas na Praza da Constitución, a cargo do grupo infantil “Las Pamisuki”. A esa mesma hora o grupo Percusión Aperta percorrerá coa súa música as rúas da vila, dando inicio ao desfile de disfraces. Ás 18:00 horas comezará a actuación da orquestra Ismael, para festexar o Entroido “cunhas pezas de baile”. Como colofón ás celebracións do Martes de Entroido haberá unha gran festa, a partir das 20:30 horas, na que se levará a cabo a tradicional Queima do Meco. Un espectáculo que o concelleiro promete que será “diferente ós que se teñen feito ata o de agora”, con música, iluminación e con moitas “sorpresas”, e que versará sobre o cambio climático. O próximo domingo celébrase o desfile de comparsas Logo de que o mal tempo obrigase a suspender o desfile de comparsas previsto para o pasado domingo, Redondela poderá gozar desta celebración o próximo domingo, día 17, a partires das 18.00 horas. En total serán 14 as agrupacións que participen neste desfile que partirá do Campo da Feira para percorrer as principais rúas do centro da vila.