Así o sinalou o presidente da delegación, Philippe Boulland, despois de visitar a ría de Vigo e a zona de Rande xunto co resto de representantes da UE. Con eles estiveron os alcaldes dos Concellos da ría, tamén o redondelán, Javier Bas, e membros de asociacións como a Plataforma pola Defensa da Enseada San Simón, que lle expuxeron aos eurodeputados a situación da ría e os problemas que sofre, á vez que lamentaron a “falta de tempo”para que visitaran zonas como a enseada.
O presidente da delegación sinalou que as cousas están “ben encamiñadas” pero precisou que elaborarán un informe sobre as rías galegas que se dará a coñecer en maio. Na viaxe en barco pola ría os eurodeputados atenderon as explicacións dos peticionarios da Plataforma da Enseada de San Simón, Plataforma en Defensa da Ría de Vigo e A Ría non se vende, que tentaron mostrarlles o estado das augas, aínda que a mala climatoloxía complicou a tarefa. Antonio Lores, presidente da Plataforma en Defensa da Ensenada San Simón, valorou a visita dos eurodeputadas dun xeito “agridoce”. Entende que é moi positivo que a UE se desprazase para coñecer a situación da ría e escoitar as súas demandas, pero lamenta que non levaran unha imaxe “real” da situación. Lores pon o exemplo da depuradora de Vigo, que habitualmente emite vertidos polo seu emisario, pero que ante a visita “xa anunciada” dos eurodeputados, os xestores no día de onte tiñan todo “en perfecto estado”. Denuncia que a visita estivo “mal organizada” por parte do Concello de Vigo e a Xunta de Galicia. Critica que se fixeran visitas pouco relevantes para ver “a maqueta” da nova depuradora ou un percorrido en autobús polo Lagares, e que despois non quedara tempo para que os eurodeputados visitaran a Enseada de San Simón. O presidente do colectivo insistiu nas irregularidades que se dan na ría de Vigo, como a presenza do recheo de formigón preto do estreito de Rande, a almacenaxe de colectores e a actividade da empresa Aucosa, que produce fariñas de peixe. Lores agarda que esta visita dos eurodeputados e a documentación presentada pola plataforma sirva para que a UE tome as decisións correctas. Sinala que o único que piden é que as empresas ubicadas na enseada de San Simón se trasladen a un polígono industrial e cumpran así coa normativa en vigor. O alcalde redondelán Javier Bas lamentou tamén a falta de tempo “para exporlle os representantes europeos os principais problemas que sofre o noso litoral”, e que afecta aos fondos mariños, areais e as zonas de marisqueo. Philippe Boulland sinalou que os membros da comisión recolleron na primeira xornada as preocupacións dos cidadáns, derivadas do nivel de calidade das augas, o seu efecto sobre a pesca e o marisqueo e tamén por problemas de cheiros. Todo isto, constatou, é consecuencia “dun desenvolvemento económico lexítimo pero que se ten que equilibrar cun desenvolvemento sustentable”.