O empresario non declarou unha ganancia patrimonial no ano 2006, pola que debía pagar a Facenda un total de 228.209 euros. O xuíz imponlle unha condena dun ano de prisión máis o pago de 456.418 euros, que se corresponde á débeda co fisco máis unha indemnización pola cantidade defraudada.
Jorge Cuevas, o propietario da cementeira de Vilar de Infesta, debía abonar a Facenda 228.209 euros no ano 2006, pero só pagou 88 euros. Por iso o xulgado ditaminou impoñerlle unha pena dun ano de cárcere e unha multa equivalente ao importe do defraudado, e ademais terá que indemnizar ao fisco pola mesma contía, o que suma un desembolso de 456.418 euros. A fraude cometeuse na declaración do imposto de sociedades de Promocións Eido Vello, da que Cuevas era socio e administrador. A sentenza declara como feito probado que no ano 2006 a empresa contou con bens e dereitos por importe de 570.301 euros, e non de 221 euros, que foi o que declararon. O condenado atribuíu eses fondos a traspasos da súa outra empresa, JCA Hormigones. No xuízo, Cuevas defendeuse asegurando que el non levaba a contabilidade e responsabilizou das operacións ao seu asesor fiscal e aos contables do grupo empresarial. O empresario está pendente doutra sentenza por un suposto delito de desobediencia contra a autoridade, por romper en máis dunha ducia de ocasións os precintos que a Policía Local puxo na súa planta de cementos en Vilar de Infesta, por orde do Concello, debido á falta de licenza de apertura e actividade.