Os homes de Fran Teixeira seguen ó máis alto nivel, e esta pasada fin de semana demostrárono no pavillón de Chapela cunha vitoria que os mantén no máis alto da táboa. Peor lle foron as cousas ó Choco, que perdeu en Sanxenxo 2-1. Onte comezou tamén en Vilaxoán a temporada de remo cos bateis, e o C.R. Chapela impúxose na categoría absoluta masculina.
Balonmán Primeira Nacional
Solla&Cía 32-26 Bueu
O encontro comezou co xogo a favor dos de Fran Teixeira, pero cando o Bueu entrou no partido as cousas complicáronse, e os visitantes chegaron a poñerse por diante no marcador cun 3-4 no minuto 11. O acerto do porteiro e a entrega dos xogadores do Chapela fixeron que esta situación durase pouco, e no descanso xa gañaban por 14-8, chegando xa con superioridade ata o final do encontro. Como líderes viaxarán o próximo sábado ó pavillón do Cafés Toscaf, que ocupa a 7ª praza.
Preferente Sur
Sanxenxo 2-1 Choco
O Sanxenxo superou ao Choco grazas a dous goles consecutivos en apenas dous minutos. Diego Blanco abriu o marcador e pouco despois Cuchi ampliou a vantaxe. O gol da honra para o cadro de Jacobo Montes conseguiuno Chus no tempo de desconto. O partido comezou con dominio dos locais, que se adiantou no minuto 13 cun gol do seu capitán. Sen tempo para reaccionar o Choco encaixou o segundo gol dous minutos máis tarde, tras unha triangulación entre Diego Blanco, Cañi e Cuchi. Xa co encontro rematado, o Sanxenxo puido sentenciar cun tiro de Rubén ao pau. Cortegoso recolleu o rexeite e cun gran saque en longo asistiu a Chus que tras plantarse diante de Vladimir bateuno para anotar o 2-1 definitivo. A derrota deixa ó Choco na 5ª praza, e a próxima xornada volve xogar fóra, en Verín, equipo que ocupa as últimas prazas do grupo.
Bateis
A primeira proba de bateis da tempada celebrouse onte en Vilaxoán, e coincidiu coa celebración do Trofeo Graünner. A vitoria na categoría absoluta masculina foi para Chapela, a segunda praza foi para os anfitrións de Vilaxoán e en terceiro lugar quedou Arealonga, a segunda embarcación do C.R. Chapela. Cesantes non puido tomar a saída en xuvenil masculino debido á lesión dun dos seus remeiros. A categoría foi dominada por Tirán, seguido por Chapela e Mecos. O batel Chapela B foi cuarto seguido de Vilaxoán. A categoría cadete foi dominada polo Náutico de Vigo, por diante do Tirán e Mecos A. Bueu e Cesantes completaron as cinco primeiras prazas. Xa en infantil, Mecos fíxose co primeiro posto seguido polos bateis de Chapela e Samertolomeu A. A proba absoluta feminina gañouna Samertolomeu, Tirán A foi segundo, mentres que Bueu completou o podio. As mozas de Chapela foron cuartas seguidas de Mecos. Amegrove gañou a proba xuvenil feminina seguidas de Mecos. Por último, Náutico de Vigo gañou a quenda de promesas por diante de Chapela e Virxe dá Guía .