A pasada temporada fixeron unha espléndida campaña, clasificándose para a final da Bandeira de La Concha, consideradas as “olimpíadas” do remo, pero quedaron coa “espiña” de non ter gañado a Liga Galega de Traiñeiras, onde se impuxo Amegrove. Este ano comezaron a temporada de bateis da mellor maneira posible, gañando o Trofeo Graüner en Vilaxoán en categoría absoluta e con meritorios postos no resto de categorías. Por iso confían en repetir os éxitos obtidos o ano pasado.
A primeira toma de contacto coa competición non puido ter sido mellor, xa que a embarcación Arealonga (o seu segundo equipo) quedou na terceira praza da máxima categoría, foron segundos en xuvenís e infantís, e nas categorías femininas ocuparon a cuarta praza na absoluta e a segunda en promesas. Unha situación que leva a Julio Prado, membro da directiva, a pensar en obxectivos ambiciosos para a presente campaña. Entende que os resultados son froito do traballo ben feito nos últimos anos e do proxecto do seu adestrador, Fran González, ao que atribúe o mérito. O club conta ademais cunha nutrida canteira, polo que o relevo xeracional “está asegurado”. A Escola de Verán de Remo que organizan todos os anos é o seu escaparate, e xa contan con 60 rapaces e rapazas nas categorías inferiores. Prado destaca sobre todo o potencial dos seus equipos femininos, que están a obter cada ano mellores resultados. A próxima fin de semana, o sábado 23, participan na “Liguilla de Bateis” en Tirán, e o 2 e 3 de marzo será o C.R. Chapela o que organice as citas co remo. O sábado coa “Bandeira do Porvir” e o domingo o “Memorial Paco Fenosa”.