En total foron tres as persoas detidas polo roubo de combustible este luns nun camión aparcado no cruzamento da Avenida do Aeroporto e a rúa Cantabria. Aos tres arrestados impútaselle un delito de roubo con forza.
Axentes da Policía Nacional detiveron a dous veciños de Redondela, de 18 e 56 anos, pai e fillo e ao seu futuro xenro de 27, cando tentaban subtraer gasóleo dun camión. Foi o propio condutor do vehículo o que alertou á policía do roubo. O dono enchera o depósito esa mesma noite e decidira quedar a durmir na cabina do camión logo de sufrir anteriormente varios roubos. As dúas da madrugada escoitou un coche aproximarse e logo un forte ruído metálico na zona onde se atopa a tapa do combustible, ao ver pola ventá comprobou que había tres homes que tentaban roubar o combustible. Os tres individuos ao decatarse da presenza do condutor fuxiron antes da chegada da policía pero foron localizados posteriormente e postos a disposición do Xulgado de Instrución número cinco de Vigo. Nas inmediacións do camión atopouse un coche con seis garrafas de cincuenta litros baleiras e dúas mangueiras para transvasar o combustible.