O alcalde redondelán, Javier Bas, reuniuse onte co secretario xeral de Montes, Tomás Fernández Couto, un encontro no que tamén participaron os concelleiros de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez, e o de Vías e Obras, Cándido Méndez. O deslinde entre municipios é unha vella reivindicación das Comunidades de Montes de Redondela, un trámite que leva paralizado varios anos.
As posibles actividades de explotación do monte e as saídas laborais que pode achegar á sociedade foron outro dos asuntos que se abordaron na xuntanza. As modificacións da Lei de Montes aprobadas o verán pasado tamén foron tratadas na reunión, xa que supoñen un paso máis na prevención de incendios ao ampliar a zona de limpeza de masa arbórea, e tamén especifica as competencias que ten cada administración. O alcalde solicitou ao secretario xeral a coordinación co Concello de campañas sobre concienciación, limpeza e prevención de incendios nos montes.