A terceira edición do certame Búrbida Máxica péchase no Multiusos da Xunqueira mañá venres cos magos Keko e Xermán, e a colaboración especial do Mago Romarís e a súa “maxia enxebre”. Tres espectáculos diferentes con maxia e ilusionismo de proximidade para todos os públicos a partires das 21.00 horas con entrada libre.
Búrbida Máxica tenta achegar unha nova proposta de lecer a Redondela onde o público, lonxe de sentar e ver o espectáculo na sala do auditorio, deberá atopar ao Mago e participar activamente nos seus xogos. Eloy Crespo, mago redondelán e organizador do evento, explica que na entrada o público recibirá uns cartóns de cores e os asistentes deben atopar a sala cuxo cor corresponda á súa entrada e empezará aí o seu “percorrido máxico”. Hoxe os encargados de poñer a maxia son Keko, un mago vigués que fai maxia de proximidade, o compostelán Xermán, con maxia de salón, e o gran Romarís, o mago “máis enxebre do mundo”, e que conta cunha dilatada traxectoria tanto en na televisión como organizando diferentes festivais máxicos como Maxiamarín. Unha boa proposta para que o público se deixe levar pola imaxinación. Para Eloy Crespo, nestes tempos de crise, propostas coma esta serven para despertar a ilusión e pensar que “todo é posible”. Desde a organización amósanse moi satisfeitos co certame, que nesta terceira edición se consolida cono un dos referentes do circuíto galego de maxia, e agardan que teña continuidade en vindeiras edicións e se consolide. Mesmo apostan por ampliar a oferta e de cara a próximas edicións contar con ata cinco magos facendo os seus espectáculos simultaneamente na Xunqueira.