Os propietarios da finca retoman o proxecto que permitiría a construcción de vivendas nunha finca de Reboreda de 63.000 metros cadrados. Os veciños desconfían das consecuencias que o incremento de poboación podería provocar na zona. O edil de urbanismo, Arturo González asegura que o proxecto está en fase inicial e que en ningún caso se vai permitir a construcción de edificios en altura.
O concelleiro de urbanismo, Arturo González e o arquitecto municipal reuníronse onte cos veciños de Reboreda nun Consello Parroquial extraordinario convocado expresamente para lle trasladar ás asociacións a actuación que prevé a empresa Hermanos Veiga para o desenvolvemento urbanístico de Pousadouro. Un proxecto que, segundo González, está nunha fase moi inicial polo que aínda se descoñece cal sería a actuación urbanística concreta que afectaría a esta finca de 63.000 metros cadrados. O edil lembra que o Plan Parcial do ano 1994 impide a construcción de edificios en altura na zona, polo que descarta que a actuación provoque un grave impacto visual pero si recoñece que un incremento notable das vivendas tería efectos importantes nos servizos, que non están preparados para atender a un maior número de residentes. Un temor que tamén desacouga aos veciños de Reboreda e así llelo trasladaron onte ao representante do goberno local nun consello non que puxeron o acento na ausencia de viais axeitados e no impacto que nos servizos de auga, luz e sumidoiro tería a edificación de Pousadouro.