O ciclo de teatro “Teatrarte” leva desenvolvéndose en Redondela dende hai xa doce anos e incluía a actuación de media ducia de grupos que se achegaban ao Multiusos os sábados de febreiro e marzo. Os socialistas temen que este ano se suspenda o programa teatral a consecuencia da situación de estancamento na que se atopa o AGADIC, organismo da Xunta que colaboraba na elaboración do Teatrarte.
O PSOE de Redondela solicita ao alcalde, Javier Bas, que dea explicación sobre cal é a situación do ciclo de teatro Teatrarte, xa que a piques de rematar o mes descoñécese a súa programación polo que temen que non se vaia celebrar.
O ciclo Teatrarte fíxose dun xeito profesional ao longo dos últimos doce anos con moitas compañías galegas de teatro e, co paso do tempo, segundo explica o socialista Eduardo Reguera “conseguiu un público fiel que facía que o evento tivera unha das taxas de asistencia máis altas de toda Galicia no teatro, como constataban os propios artistas que pisaban o escenario do Auditorio Municipal da Xunqueira”. Critican que despois de lograr un ciclo de treatro de calidade en Redondela “o partido Popular decida non darlle continuidade dada a data na que nos atopamos”.
Temen tamén que a situación de estancamento na que se atopa o AGADIC, organismo dependente da Xunta que no pasado colaboraba activamente na contratación das obras que pasaban polo Multiusos e que actualmente carece de director e orzamento, sexa o argumento do goberno local para non realizar o Teatrarte motivo polo que os socialistas puntualizan que “aínda con este factor en contra é posible continuar con esta tradición xa tan arraigada no noso pobo”.