Hoxe é Luns 25 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

NCG pecha a sucursal de Chapela situada no barrio da Igrexa e mantén a da avenida de Vigo

RR_Noticias

A parroquia de Chapela, que ata o de agora contaba con dúas oficinas da entidade bancaria, quedará con tan só unha en servizo, a situada en Chapela de abaixo, no 222 da av. de Vigo. A do barrio da Igrexa será unha das 12 sedes que NCG pechará este ano na provincia de Pontevedra, dun total de 49 que cesarán este ano a súa actividade en toda Galicia.

De acordo coa listaxe de sucursais, as clausuras débense por unha banda ao solapamento entre elas. É o caso de Chapela, que contaba con dúas oficinas, aínda que a especial distribución xeográfica e social da parroquia, con dous núcleos diferenciados, prexudicará ós veciños. O centro de Chapela de arriba, onde se atopa unha zona comercial, o pavillón de deportes, centro de saúde, colexios e institutos, quedará sen oficina de NCG. Os veciños desta zona veranse obrigados a desprazarse a Chapela de abaixo, a zona onde se atopa a Alameda, unha zona comercial e o mercado municipal, entre outros servizos. Outro dos criterios para os peches é a falta de rendibilidade dalgunhas oficinas, especialmente no rural de Ourense. O banco ten que desfacerse en total de 89 sucursais en Galicia, Asturias e León. Tras pactar un cuarto Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para 1.850 persoas, a entidade apura os prazos para reducir a súa capacidade antes do mes de xuño. Na comunidade galega, a maioría dos peches produciranse en Ourense (18), seguida da Coruña (13), Pontevedra (12) e 6 en Lugo. O resto de oficinas que se pechan na provincia de Pontevedra están situadas en Vigo (5), Raxó, Poio, Caldas de Reis, Baiona, Pontevedra e O Porriño. Ao finalizar este exercicio, NCG Banco contará con 662 sucursais, das cales 544 estarán situadas en Galicia. Tal e como se acordou cos sindicatos, 190 oficinas abrirán mañá e tarde na comunidade, outras atenderán aos clientes a tempo parcial e disporase de dúas oficinas móbiles para evitar “a exclusión financeira”.
 
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará