O deputado de Alternativa Galega de Esquerdas, Juan Manuel Fajardo visita hoxe a N-555 en apoio ás demandas veciñais para a mellora da seguridade vial na estrada. Os veciños trasladarán aos parlamentario as súas críticas sobre a perigosidade da vía que carece de beirarrúas malia o elevado volume de tráfico.
Os veciños desta estrada que enlaza Redondela co aeroporto de Peinador levan anos demandando melloras nunha vía cun elevado volume de tráfico e por onde os coches, segundo denuncian, circulan a unha velocidade excesiva malia carecer de beirarrúas, o que obriga aos peóns a se apartaren numerosas veces ao longo do traxecto para non sufrir atropelos.
As reiteradas peticións para que se adopten medidas que solucionen o problema non se teñen traducido en mellora algunha e os veciños critican que as “administracións competentes fagan ouvidos xordos ás súas demandas”. Unhas demandas que se concretan na construcción de beirarrúas e dotación dun paso de peóns na rotonda na intersección entre as estradas N-555 e N-550.
Hoxe tentarán recadar un novo apoio ás súas demandas coa visita do parlamentario de AGE Juan Manuel Fajardo, quen se reunirá cos afectados ás 16:30 na rotonda da entrada a Redondela para dende alí facer un percorrido pola N-555 para coñecer de primeira man a situación da estrada.