Hoxe é Martes 26 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Solla mantense na cabeza da clasificación cun empate co Magope e a SAR gaña en Camariñas

RR_Noticias

O balonmán redondelán segue a liderar as súas respectivas ligas na Primeira Nacional e a Autonómica. No fútbol o Choco fíxose cun novo triunfo ante o Barco na Preferente Sur, e na Segunda Autonómica tanto o Choco B como o Chapela gañaron os seus encontros.

Balonmán
1ª Nacional

Solla&Cía Chapela 22-22 Magope
O Solla&Cía deixou escapar a vitoria ante o Magope nos intres finais do partido e mesmo fallaron un penalti co reloxo a cero. Aos pupilos de Fran Teixeira superounos a presión nos último minutos e deixaron pasar un vitoria que tiñan case na man. Nos primeiros compases o encontro estivo moi igualado e o marcador reflectía a igualdade (5-5) minutos oito. A primeira vantaxe para o Solla & Cía chegaba no minuto 15 cun gol de Vidal (8-7). O adestrador do Seis do Nadal viuse na obriga de pedir tempo morto para tranquilizar o partido. Antón fixo un bo traballo na portaría e o seu equipo estaba a perder os nervios. Ao descanso os locais gañaban (14-10). Pero na segunda metade todo cambiou e os chapeleiros no últimos quince minutos só marcaron dous goles, fallaron dous penaltis e o Magope acurtou distancia e un gol de Escudero de penalti puxo o marcador en empate a 22 a falta dun minuto para o final do partido. Co tempo parado Rober dispuxo dun penalti para que a vitoria quedase en casa pero fallou o lanzamento. O empate déixaos na cabeza da clasificación, empatados a puntos co Zamora, que será precisamente o seu rival na próxima xornada en terras castelás.
Autonómica 2ª Fase

Camariñas 24-25 SAR
A SAR lidera a clasificación xunto co Pontevedra logo dun duro triunfo en Camariñas por 24-25. O encontro púxoselle costa arriba ós redondeláns, pero souberon reconducilo e poñerse por diante. A vitoria mantenos no liderado do grupo, xunto co Pontevedra, o que lles permite seguir soñando co ascenso no ano que celebran o 50º aniversario da SAR. A próxima xornada reciben en Redondela o Seis do Nadal, 4º clasificado.
Preferente Sur

Choco 3-1 Barco
O Choco tivo que esperar á segunda parte para dar a volta a un encontro que se lle puxo costa arriba no minuto sete, tras unha indecisión nunha cesión de Saúl ao seu porteiro, pero finalmente conseguiu lograr a vitoria ante un Barco que acumula xa once xornadas sen coñecer a vitoria. O tres puntos permiten, ademais, ao conxunto de Jacobo Montes manterse na loita polas primeiras posicións. Caloi, Dieguito e Negro déronlle a volta ao marcador en tan só 14 minutos de inspiración do Choco. Os redondeláns, na 5ª praza, xogarán a próxima fin de semana no campo do pechacancelas, o P.Ourense.
Segunda Autonómica

Chapela 1-0 Victoria
O Chapela mantén a 16ª posición da táboa logo de gañar pola mínima ó Victoria. Na próxima xornada os redondeláns xogan no campo do R.Bouzas B.
Coruxo 1-3 Choco B
O filial do Choco mantense na metade da táboa logo de gañar ao pechacancelas do seu grupo, o Coruxo. Na próxima xornada o Choco B recibe ó Sárdoma, da parte baixa da táboa.
Neves 15-1 Nespereira
Goleada histórica do equipo das Neves sobre o Nespereira, con 15 goles. O equipo de Pazos, que pecha a clasificación, segue sen levantar cabeza e só suma 3 puntos nas 23 xornadas que levan disputadas. A próxima xornada reciben ó Arbo, da metade alta da táboa.
Terceira Autonómica

Xeve 0-3 Arcade
O Arcade continúa como líder en solitario do seu grupo, logo de gañar con autoridade no campo do Xeve con goles de Javi, Nordín e Álex. A próxima xornada o Arcade recibe ó R.Bahía, da metade baixa da táboa.
At. Vilar 2-0 Guillarei
O Vilar, logo da vitoria, segue na metade da táboa logo de impoñerse ao Guillarei. A próxima xornada descasa..
Futbol Sala- Autonómica

Redondela 4-3 Grupo Silleiro-Sisven Cereixa
Encontro completo o que disputaron os Redondeláns ante un rival da zona alta da táboa como o Cereixa FS. Os locais foron a remolque dos visitantes, que comezaron poñéndose por diante. Ata en dúas ocasións empatou o equipo de Julio Mougán. Co 2-2 no marcador, e sendo dominadores do xogo, os redondeláns poríanse por diante por vez primeira con 3-2 que anotaba Jorge. Logo un erro do porteiro visitante cometía un erro nunha saída que facía que Dani puxera o partido en 4-2 para a tranquilidade dos redondeláns. Pero nada máis sacar de centro, a relaxación fíxolle encaixar un gol ao Redondela, que tería un minuto para aguantar e sumar tres puntos importantísimos co definitivo 4-3.
 
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará