Malia os datos da Consellería de Traballo que falan dun nefasto mes de febreiro cun incremento notable no número de desempregados tanto en Galicia como en España, na nosa comarca as cifras son un chisquiño máis benévolas e, aínda que seguen a ser dramáticas ao constatar que son 4.885 as persoas que se atopan en situación de desemprego, 3.157 en Redondela, son catorce menos que no mes anterior.
O número de parados diminuíu respecto do mes de xaneiro en tres dos catro concellos da comarca. En Redondela atópanse anotadas nas listas do INEM 3.157 persoas, trinta menos que no mes anterior, e tanto Fornelos de Montes como Pazos de Borbén manteñen os datos do emprego en cifras estables con 264 (-1) e 505 (-4) desempregados respectivamente.
Só hai un municipio onde sobe o paro. En Soutomaior son 959 as persoas que se atopan desempregada, 21 máis que no mes de xaneiro.
Un bo comportamento se comparamos os datos achegados onte pola Consellería de Traballo co mes anterior pero a situación convértese en tráxica se falamos do incremento experimentado polo desemprego dende que estourase a burbulla do ladrillo e comezase a crise. Así, no ano 2007 en Redondela había 1.814 parados fronte aos 3.157 veciños que se atopan agora nesa situación, tan só cinco anos despois.