Logo de gañar en Santa Mariña ao Barco, este domingo desprázanse á cidade das Burgas para xogar co Ponte Ourense, o pechacancelas do grupo. Pero a mala situación do rival non ofrece garantías a Jacobo Montes, que lembra que a pasada xornada perderon no último minuto na casa do líder.
Por iso o adestrador buscará a máxima concentración e entrega dos seus xogadores para a cita ligueira. Restan once xornadas de campionato e os obxectivos marcados a principio de temporada están máis que superados. Manter a categoría “sen apuros” é un reto que quedou superado semanas atrás, e os números do Choco fan pensar agora en obxectivos máis ambiciosos. Montes salienta a calidade do equipo, e agradece o esforzo xa Xunta Xestora para manter vivo o club malia unha situación económica “moi delicada”. O técnico afirma que esta temporada perderon a xogadores importantes carecen de futbolistas “da calidade individual” que tiñan anos atrás, pero advirte que o conxunto “gañou como colectivo”, sendo mesmo superiores como conxunto ó combinado da pasada temporada. Proba diso é a capacidade goleadora de moitos dos seus xogadores. De feito a pasada fin de semana gañaron en Santa Mariña diante do Barco con goles de Caloi, Dieguito e Negro, e son varios os futbolistas do C.D Choco que acumulan máis de 5 goles no que vai de temporada.