O PSOE de Redondela denuncia o “atentado sufrido polo patrimonio histórico” polo uso por parte de operarios municipais de mangueiras de auga a presión na limpeza de diferentes elementos como o cruceiro da praza de Ponteareas, a fonte da praza de Santiago ou os arcos do viaduto de Pontevedra cando esta técnia “está expresamente prohibida pola Xunta”.
Eduardo Reguera denuncia o uso de “técnicas moi daniñas” e non autorizadas pola Xunta na limpeza de diferentes elementos do patrimonio de Redondela como o cruceiro da Praza de Ponteareas ou a praza da Alfóndiga. Asegura o concelleiro do PSOE que os traballos de limpeza levados a cabo polo Partido Popular na praza de Ponteareas, na praza de Santiago e nos arcos do viaduto de Pontevedra supoñen un “grave atentado ao patrimonio cultural redondelán posto que se empregaron técnicas non permitidas pola Xunta de Galicia”. Critica concretamente que se estea a empregar auga a presión “que provoca unha importante erosión nos monumentos” cando os criterios marcados pola Xunta “establecen que este tipo de limpezas non se poden realizar con produtos químicos e, moito menos, con mangueiras de auga a presión. No caso dos cruceiros, a Xunta conclúe que “a limpeza da pedra será unha actuación excepcional, despois de ter feita unha evaluación patolóxica”. No caso de ser preciso, o tratamento de limpeza da pedra farase manualmente con cepillos de púas vexetais, utilizando auga e xabón neutro, respetando as pátinas existentes, e sen eliminalos líquenes naturais que conforman o seu aspecto. O tratamento será moi lixeiro, evitando a utilización de produtos ou métodos agresivos para pedra (cepillos metálicos, chorro de area ou auga)”. Ademais, so empresas e persoal especializado poden levar a cabo este tipo de traballos, previa consulta con Patrimonio”. Malia todo, no caso de Redondela están a ser os propios operarios municipais os que realizan este traballo, algo que para o PSOE é un “atentado contra o patrimonio”.