Logo de catro días en folga de fame baixo os soportais do concello para esixir que o INEM lle pague o subsidio de desemprego que lle ten embargado, asegura estar ben física e animicamente. A falta de comida está a verse recompensada co apoio e incluso os donativos dos veciños. De feito os cartos recadados ata o momento, que el quere devolver en canto cobre o paro, serviranlle para abonar as dúas mensualidade que adebeda ao seu caseiro.
Dende o pasado xoves día 7 Manuel Puertas Sotelino estase a alimentar tan só de líquidos. Auga, bebidas enerxéticas e un café ao día, é o único que se permite inxerir este mecánico axustador do naval galego, actualmente sen traballo, dende que iniciara unha folga de fame nos soportais do Concello para denunciar que o INEM lle ten embargado parte dos catro meses de paro que lle corresponden por unha axuda familiar xa cobrada. Unha situación que lle impedirá cobrar o subsidio de desemprego ata o vindeiro mes de abril. Manuel non se nega a pagar os 2.600 euros que lle debe ao Instituto de Emprego, pero entende que llos debían cobrar fraccionadamente en vez de deixalo sen ningún tipo de ingreso dende o pasado mes de xaneiro. Unha situación que cualifica de “inxusta” motivo polo que iniciou esta folga que anuncia “indefinida” á espera de que o INEM lle dea unha solución que lle permita pagar o aluguer que leva dous meses sen abonar. Afortunadamente a solidariedade dos veciños está a darlle ánimos e insiste en que a súa intención é devolver os donativos recibidos. Uns donativos que lle servirán para abonar os dous meses que adebeda polo aluguer dun piso na zona da Esfarrapada.