Chapeleiros e zamoranos chegaban ó encontro empatados a puntos e no máis alto da táboa, e a balanza inclinouse do lado do equipo local. A derrota deixa aos de Fran Teixeira na segunda posición do grupo na Primeira Nacional de Balonmán. Mellor foron as cousas na Autonómica para a SAR Plastic Omnium, que logo de gañar ao Seis do Nadal comparte liderado co Pontevedra.
1ª Nacional
Zamora 31-27 Solla&Cía Chapela
Os de Fran Teixeira chegaron a Zamora para disputar un encontro no que estaba en xogo o primeiro posto do grupo, e os anfitrións comezaron cun parcial de 3-0. Ao Solla & Cía custoulle moito entrar no partido e até o minuto 16 mediante un gol de Rober de penalti non se colocou por diante no marcador (8-9), pero varios erros en ataque permitiu que os locais volveran a poñerse por diante (min. 20 12-9). Fran Teixeira pediu un tempo morto para pedir tranquilidade aos seus xogadores e máis acerto de cara a portaría, pero non tivo efecto, xa que chegaron ao descanso perdendo de cinco (17-12). Na segunda parte os de Chapela reaccionaron, no minuto 49 un gol de Fabián logrou remontar o partido e colocar o marcador novamente nun empate. Pero logo o Zamora presionou nos instantes finais e levou a vitoria que os achega un pouco mais á fase de ascenso. Na próxima xornada o Solla&Cía Chapela, desde a segunda praza do grupo, recibe na casa ao Novás, o terceiro clasificado, un punto por baixo dos de Fran Teixeira.
Autonómica 2ª Fase
SAR Plastic Omnium 23-21 Hierros Miguel Seis do Nadal
A SAR deu un paso de xigante nas súas aspiracións tras gañar ó equipo vigués nun partido que xa dominaba no descanso cun marcador de 13-9. Os redondeláns seguen así liderando a clasificación, empatados a puntos co Pontevedra, o que os sitúa con moitas opcións para optar á fase de ascenso. A próxima xornada xogarán no Pavillón Municipal O Consello co pechacancelas, o Viña Costeira .