O marcador de 3-2 no Pavillón do Rosal non reflectía o xogo desplegado polos dous rivais. O San Martiño conseguiu o triunfo malia ser os redondeláns os claros dominadores do xogo. No club queren quedar coa lectura positiva deste encontro, que é o xogo de calidade do equipo, malia que lles faltou “finalización”. Agora buscan recuperar posicións na táboa cunha vitoria diante do Mondariz no Pavillón Municipal de Redondela.
“Sen nada que reprochar aos xogadores”, así define a situación do equipo o adestrador, Julio Mougán, que lamenta a mala situación da táboa na Liga Galega malia o bo xogo despregado polos seus pupilos. No club queren pasar páxina da derrota en Moaña e quedar co lado positivo dese encontro, que é a gran capacidade do equipo “en todas as facetas do xogo”. Mougán destaca o esforzo dos seus xogadores, que están a demostrar “un gran rendemento” tanto nos adestramentos como na competición. No equipo confían en que os resultados positivos cheguen, e confabúlanse para o partido do sábado no Pavillón Municipal de Redondela diante do Mondariz, un dos equipos da parte alta da táboa. Mougán sinala que o equipo ten calidade para dar a batalla “ante calquera rival da liga”, polo que confía nun resultado positivo que os afaste da parte baixa da táboa. Tanto este encontro, como o próximo diante do Crecente son “verdadeiras finais” para o equipo na loita pola permanencia.