O novo camiño evita aos veciños do barrio ter que incorporarse á estrada N-550 que une Redondela e O Porriño nun cruce moi perigoso e cunha elevada pendente. A novo viario, solicitado polos residentes da zona desde hai vinte anos, conecta co barrio de Mañó, en Quintela, desde onde se accede á estrada nacional. Isto supón un cambio “radical” na vida das familias desta zona, que ven como mellora a súa “calidade de vida”.
Veciños como Ana e Dino Senra contan que ata o de agora tiñan que “xogarse a vida” para acceder á estrada, debido á escasa visibilidade do cruce, nunha zona cunha elevada densidade de tráfico e onde os vehículos circulan a unha velocidade elevad. O Concello encargouse dos traballos de acondicionamento do camiño, asfaltado e canalización de augas coa maquinaria cedida pola Deputación de Pontevedra. O alcalde, Javier Bas, acompañado do concelleiro de Vías e Obras, Cándido Vilaboa, visitou a zona para comprobar o resultado dos traballos, que resultou moi satisfactorio para todos os residentes. Bas agradeceu a colaboración dos veciños, que se amosaron de acordo para facer as obras e facer as cesións necesarias. Un exemplo, segundo o rexedor, de que cando hai colaboración por parte de todos “as cousas saen ben” e o beneficio é “para toda a comunidade”. Os residentes da zona, como Pablo, recoñecen que a apertura deste novo camiño supón “unha alternativa de futuro para o barrio”, ao gañar un novo acceso seguro e que facilita a circulación de todo tipo de vehículos. Unha ducia de vivendas son as que se benefician directamente deste novo acceso, pero tamén moitos propietarios de fincas próximas e veciños doutros puntos da parroquia que contan cunha nova vía de comunicación para vertebrar a zona.