O concello e o traballador están á espera de que se dicte sentencia, que podería concluír a readmisión, indemnización ou cancelación definitiva da relación laboral co que fora técnico de cultura de Redondela e responsable das escolas municipais, Suso Ben.
Unha denuncia alertou da suposta situación irregular do que ata hai uns meses asumía as labores de técnico de cultura e se encargaba das escolas municipais de pintura, guitarra e teatro. A raíz de dita denuncia abriuse unha investigación interna no concello que concluíu coa rescisión da relación laboral que durante os últimos 19 anos mantivo a administración local con Suso Ben. Unha decisión dos servicios xurídicos municipais que colleu por sorpresa a Suso Ben quen asegura que en todo momento estivo convencido de que a súa situación era regular “tendo en conta que pasaron polo concello gobernos de diferente cor política, varios alcaldes e responsables de cultura que nunca repararon en ningún tipo de ilegalidade ou irregularidade”. Lembra que a súa situación laboral tiña dúas patas: por unha banda autónomo na xestión dos cursos municipais e, por outra banda, contratado polo concello como técnico de cultura e, aínda que confía nunha resolución favorable que resolva a súa readmisión ou indemnización e certifique que non cometeu ilegalidade algunha, prefire esperar a que se produza a sentencia, que debería coñecerse en breve dado que o xuízo se celebrou xa a finais de xaneiro.