A tradicional cita celebrará a súa XIII edición os días 23 e 24 coa presencia de centos de persoas que poderán coñecer na fin de semana ás diferentes especies de camelia. A concelleira de cultura, Dolores Cernadas convida aos veciños a se achegar a esta mostra na que se poden ver exemplares tan xenuínos como camelias negras ou con olor.
O Castelo de Soutomaior será a vindeira fin de semana o escenario do XIII Certame e Exposición da Camelia, unha edición na que se volven superar as previsións, con máis de medio cento de participantes, dos cales 30 son semiprofesionais e 25 proceden do concello. Non faltarán ademais as composicións escolares e a colaboración dos comerciantes que empregan camelias para adornan os seus escaparates. E un ano máis, os concursantes optarán aos diferentes premios nos apartados de mellor flor e mellor composición artística, onde hai cultivadores que amosan unha enorme orixinalidade. A Exposición poderá visitarse a partir do sábado pola tarde e o domingo durante todo o día. A entrega de premios levarase a cabo o domingo ás 18:00 h. Unha oportunidade única para visitar o Castelo de xeito gratuíto aproveitando esta exposición tan primaveral.