Toldos, mesas na vía pública, estruturas fixas ou desmontables… as alternativas son moitas e nos últimos tempos son cada vez máis o número de locais de hostalaría que sacan mesas e cadeiras á rúa. Malia esa proliferación, sobre todo no centro da vila, tan só hai un local que conta co permiso municipal pertinente, un establecemento de Chapela.
Así o confirma un escrito remitido polo goberno local á Agrupación de Electores en resposta a súa solicitude de información sobre os permisos solicitados e concedidos para a instalación de mesas e cadeiras nas rúas públicas onde se constata que “soamente unha terraza en todo o concello solicitou licencia”. Unha resposta que AER cualifica de “sorprendente” tendo en conta o gran número de terrazas de hostalaría que existen no concello. Engaden que esta situación é “unha auténtica vergoña e unha falta de respeto á cidadanía que paga os seus impostos”. Responsabilizan da situación ao concelleiro de interior e responsable desta área Arturo González “por non ter adoptado as medidas oportunas” o que supón unha “deixadez de funcións intolerable”.
Ordenanza municipal
En Redondela existe unha ordenanza en fase de estudo que persegue regular a utilización do espazo público por parte das terrazas para compatibilizar o uso destes espacios cos peóns. Unha proposta que leva meses elaborándose e que establecería unha anchura mínima de rúa de 2’5 metros para autorizar unha terraza deixando un espazo de aló menos 1’2 metros libre de obstáculos. Nas rúas de ancho igual ou superior a 5’50 metros permitirase unha dobre fila de mesas. Ademais de establecer outros requisitos teman se especifica o tipo de mobiliario e se establecen sancións por incumprimento que, en función da gravidade variaría entre os 600 e os 1.200 euros.
Con todo, esta ordenanza aínda esta en fase de exposición pública pero, dende a Agrupación de Electores apuntan que a súa aprobación vai para longo xa que “a normativa é ilegal ao non respectar o establecido pola lei de accesibilidade e supresión de barreira da Comunidade autónoma de Galicia” onde se establece que como mínimo haberá que deixar libres de obstáculos un espazo de metro e medio.